miércoles, 15 de agosto de 2012

16 de setembro Fragas Alto Eume (As Pontes)


Esta foi a primeira saída de Vintedouspes con autobus, o punto de destino foron as fragas do alto Eume en as Pontes de García Rodriguez.
A ruta de andar foron arredor de 24 km, a dificultade é media-alta pola cantidade de kms e polo terreo irregular, xa que subimos e baixamos bastante.
É unha ruta especialmente bonita, pasamos polas fragas de Lostegal e de Ribeira e vamos á beira do encoro de Ribeira.
Os puntos de encontro foron ás 7:45 dende o garaxe de Autobuses Comparado que está en San Roquiño e ás 8 diante da Casa da Cultura de Boiro.



O bosque soñado
O río Eume, duns cen quilómetros de lonxitude total, labrou na maior parte do seu treito medio e final un profundo canón. As abruptas ladeiras, nalgúns puntos de ata 300 metros de desnivel, conservan o manto vexetal orixinal dos bosques atlánticos. Un bosque coma todos soñamos: a espesura, as estacións transformadas en cores, un río que coñece a aventura do salmón e busca a proximidade do mar para facerse ría...

Porque fraga significa bosque con árbores de diferentes especies. Carballos e castiñeiros forman o manto caducifolio acompañados de bidueiros e ameneiros, freixos e teixos, abeleiras e froiteiras silvestres; e dos perennes loureiros, acivros e érbedos. Todos forman unha heteroxénea selva na que cada especie ocupa o seu lugar. As sobreiras, por exemplo, teñen nas voltas destas ladeiras orientadas ao sur, o seu límite setentrional en Galicia. Nas ribeiras húmidas e sombrías consérvase unha ampla colección de liques, carrizas e fentos que son unha das xoias dos bosques climáticos como Eume, relictos da Era Terciaria. (texto sacado de Turgalicia)

Foi unha ruta de todo o día, Chegouse de volta a Boiro e San Roquiño (Lousame) ao final da tarde.
Moitísimas grazas ao Club de montaña O Caxado pola axuda para preparar a ruta.
Se fixeches a ruta sería bo que comentaras algo ao respecto, cousas positivas e/ou negativas, sensacións, ...
Se tes algunha foto interesante da ruta e queres que se publique neste blogue podes mandala ao email vintedouspes@gmail.com

 




Neste enlace podes ler un relato desta ruta e fotos feito por un sendeirista noutra ocasión
http://senderocircular.blogspot.com.es/2012/07/el-bosque-animado.html